R.I.P. John Hurt

857

O lendário actor Sir John Hurt morreu o pasado mércores 25 aos 77 anos de idade, após de perder a súa derradeira batalla contra un cancro de páncreas do que semellaba estar curado dende había un ano.

A súa obra non é doada de resumir: exténde-se ao longo de seis décadas e ocupa centos de títulos. No cinema, participou en longametraxes da talla de Alien, 1984, Spaceballs, The Elephant Man, Watership Down, The Black Cauldron, The StoryTeller, Dead Man, Contact, V for Vendetta, Indiana Jones and the Kingdom of the Crystal Skull, Snowpiercer, Hercules, Hellboy e os filmes de Harry Potter. Por non falar da súa aparición na versión de Ralph Bakshi de Lord of the Rings. E iso só é unha pequena mostra.

Na televisión tivo a honra de lle dar vida a unha das versións oficiais do Doutor Who, poñer-lle voz ao dragón en Merlin e ao profesor Bruttenholm en Hellboy, narrar Planet Dinosaur ou protagonizar Labyrinth e o episódio piloto de The Strain. E no mundos dos videoxogos, emprestou-lle a súa voz a persoaxes de Privateer 2: The Darkening, Tender Loving Care e Lego Dimensions.

Entre as súas aparicións fóra do xénero cómpre salientar os seus papéis protagonistas en I Claudius ou Midnight Express.

En 2004 foi nomeado Comandante da Orde do Império Británico e convertido en cabaleiro pola raíña de Inglaterra.

En 2015 anunciara publicamente a súa enfermidade e que non tiña medo de morrer, cousa que finalmente aconteceu na súa casa de Cromer (Norfolk, Inglaterra) o pasado 25 de xaneiro. A família non-o fixo público até dous días despois. Casado catro veces, tivo dous fillos que o sobreviven.