A pasada semana deu-se a coñecer que a Netflix quere desenvolver unha série de televisión en debuxos animados baseada no clásico videoxogo Castlevania, pero sen informar de ningún detalle mais. Agora, o produtor de Dredd Adi Shankar ven de revelar mais dados nunha entrevista na que di que a série terá “o ambiente de Xogo de Tronos“.
A série de videoxogos apareceu por primeira vez hai xa 31 anos e vai sobre a batalla do clan de Belmont contra Drácula, unha batalla que leva séculos a se loitar. A série servirá para que Shankar traballe xunto ao produtor executivo de Adventure Time, Fred Seibert, e co famoso escritor de cómics Warren Ellis (Planetary, Transmetropolitan).
Shankar dixo que o programa rachará a mala sona das adaptacións de videoxogos á pantalla: “Garanto persoalmente que esta vai ser a millor adaptación dun videoxogo que xamais se fixera. Eu xa a vin, e é unha pasada”. A nova série será moi violenta, co estilo de Akira, Spawn e Young Justice.
Ellis seica escribiu xa todo: dúas tempadas de catro episódios de 30 minutos de duración: “Sabes que a maioría de séries de televisión teñen habitacións para os guionistas e esas cousas? Pois esta non. Warren xa escribiu todos os guións. É totalmente a súa voz, é incríbel“.
A primeira tempada de Castlevania chegará á Netflix a finais deste ano e a segunda en 2018.