O multiverso de Stephen King

1047

O mestre do terror Stephen King e mais a compañía do director J.J. Abrams, a Bad Robot, veñen de chegar a un acordo polo que producirán un novo proxecto titulado Castle Rock e que seica será emitido pola canle de Internet Hulu.

O anúncio fíxo-se por médio dunha série de chíos en Twitter nos que se incluiu un trailer que suxire que o programa incorporará moitos elementos das novelas de King nun universo televisivo ambientado ao redor da vila fictícia de Castle Rock (Maine) que aparece moitas veces nos seus contos e novelas e é mencionada asemade noutras tantas.

H.P. Lovecraft foi o primeiro escritor de terror que ambientou todos os seus contos no mesmo universo literário, facéndo-o mais críbel e recoñecíbel para o leitor. O seu traballo foi o que inspirou a King e a outros escritores modernos para facer o mesmo nas súas obras ao longo dos anos.

Cujo, Needful Things, The Dark Half, Bag of Bones, The Dead Zone, The Body e The Sun Dog están entre as obras ambientadas directamente na vila de Castle Rock, mentres ca The Stand, Pet Semetary, The Girl Who Loved Tom Gordon, Dreamcatcher e Gerald’s Game mencionan o mesmo lugar directa ou indirectamente. Outras obras coma Misery e Salem’s Lot semellan estar incluidas ou suxeridas no tráiler.

Nunha rolda de prensa celebrada polo xigante da Rede, confirmou-se a produción de dez episódios dunha série de terror psicolóxico que comezarán a se rodar este mesmo ano. A série estará ambientada no “multiverso de Stephen King” e “explora os temas e mundos unindo o canon completo de King, mentres que repasará algunhas das súas histórias mais emblemáticas e celebradas“.