Ainda que estaba a se rumorear dende hai un mes, ven-se de confirmar por fin oficialmente que Matt Reeves (Cloverfield, War for the Planet of the Apes) asinou o contrato polo que se converterá no director de The Batman, segundo unha nota de prensa dada a coñecer pola Warner Bros.
A prioridade dos estudos era chegar a un acordo cun director do proxecto tan axiña coma fora posíbel e asemade poder continuar baixo o mesmo calendário de traballo que se deran, polo que había bastante optimismo en pechar o trato mália os problemas que seica había ao redor do salário que pedía Reeves.
Reeves chegou ao proxecto despois de que Ben Affleck decidira afastar-se da cadeira de director e centrar-se no papel do home morcego. Curiosamente, a nota de prensa non fai ningunha mención a Affleck, coma adoita ser tradicional nestes casos.
Pola súa banda, Reeves dixo: “Encánta-me a história de Batman dende que era neno. É un persoaxe emblemático e convincente e que resoa dentro de min profundamente. Estou incríbelmente honrado e emocionado de traballar coa Warner Bros. para traer unha nova versión épica e emocionante do cruzado da capa á pantalla grande“.