O actor texano Bill Paxton, unha das faces mais recoñecíbeis do cinema fantástico das últimas décadas, morreu o pasado sábado 25 aos 61 anos de idade após de sofrir complicacións nunha operación do corazón. A Paxton sobrevíven-lle a súa muller Louise Newbury, con quen levaba casado trinta anos, e mais os seus dous fillos James e Lydia.
O neno Paxton estaba entre a multitude que o 22 de novembro de 1963 contemplou o asasinato de John F. Kennedy en Dallas, cando contaba con oito anos. A súa carreira sempre estivo vencellada ao fantástico, comezando con papéis menores en The Terminator e Weird Science e continuando da man do director James Cameron en Aliens, True Lies e Titanic.
No cinema apareceu en filmes coma Commando, Near Dark, Brain Dead, Predator 2, Apollo XIII, Twister, Spy Kids 2, Ghosts of the Abyss, Spy Kids 3D, Thunderbirds, The Colony e Edge of Tomorrow. O seu derradeiro traballo foi no filme The Circle, ainda por estrear, e no que comparte carteleira con Emma Watson, Tom Hanks e John Boyega.
Na televisión apareceu en The Hitchhiker, Tales from the Crypt e Agents of S.H.I.E.L.D., entre outros moitos papéis.