O novo capitán de Star Trek, un meigo en Harry Potter

958

Ainda que a nova série Star Trek: Discovery presume de ter a unha actriz negra coma protagonista, Sonequa Martin-Green (Sasha en The Walking Dead) no papel da Tenente Comandante Rainsford, o certo é que ela non será a que dirixa a nova nave. Ese posto está reservado para o seu superior.

Onte a CBS anunciou por fin oficialmente que o inglés Jason Isaacs (Lucius Malfoy nos filmes de Harry Potter) unirá-se ao reparto para lle dar vida ao capitán Lorca, o oficial ao mando da nave espacial Discovery. Os outros membros da tripulación serán Doug Jones coma oficial científico Saru, Anthony Rapp coma oficial científico Stamets, Terry Serpico coma Almirante Anderson, Maulik Pancholy coma xefe médico Nambue, e Sam Vartholomeos no papel do oficial subalterno da Frota Estelar Connor.

Ademais na série intervirán James Frain coma o astrofísico Sarek (o pai de Spock), Michelle Yeoh coma capitana doutra nave estelar, e Shazad Latif, Chris Obi e Mary Chieffo coma comandantes Klingon.

A série estreará-se na canle CBS e estará decontado dispoñíbel na Netflix en 118 países de todo o mundo. A data concreta de estrea aínda está por determinar, pero as últimas novas falaban de que podería ser no mes de xuño.