O guionista de Forrest Gump, en Dune

805

A Legendary ven de se facer cos servizos do veterán guionista de Forrest Gump, Eric Roth, para que escriba a nova adaptación ao cinema da clásica novela de ciéncia-ficción de Frank Herbert Dune, que Denis Villeneuve dirixirá. A Legendary pechou un acordo cos herdeiros de Frank Herbert o ano pasado para desenvolver filmes e séries de televisión baseadas na emblemática propiedade de ciéncia-ficción.

Ambientada nun futuro moi afastado, a novela orixinal narra as aventuras do xoven Paul Atreides, cuxa nobre família acepta o control do planeta desértico Arrakis. Coma único planeta onde se produce a valiosa “espécie” usada para as viaxes intergalácticas, o control de Arrakis é cobizado por todas as famílias nobres.

Cando Paul e mais a súa família son traizoados, a história explora temas de política, relixión e a relación do home coa natureza mentres que Paul lidera unha rebelión que o deberá repoñer a el e amais a súa família no control de Arrakis.

A obra foi levada ao cinema e á televisión con anterioridade, primeiro no filme de 1984 dirixido por David Lynch e protagonizado por Kyle MacLachlan, e logo en 2000 nunha minisérie para a pequena pantalla protagonizada por Alec Newman. O excéntrico realizador Alejandro Jodorowsky tentou facer un filme de dez horas a mediados dos anos 70 pero o seu proxecto nunca se se chegou desenvolver. Finalmente, outro proxecto, esta vez en 2008, foi tentado por Peter Berg e Pierre Morel pero tamén fracasou.

Villeneuve (Arrival) comezará a traballar neste filme cando remate con Blade Runner 2049. El mesmo será o produtor xunto a Mary Parent, Cale Boyter, Brian Herbert, Byron Merritt, Thomas Tull e Kim Herbert.