Flanagan dirixe The Haunting na Netflix

0
55

O director de Hush e Ouija: Origin of Evil, Mike Flanagan, vai dirixir unha adaptación en dez episódios da clásica novela de Shirley Jackson The Haunting of Hill House publicada en 1959 e que producirá a Amblin TV e a Paramount TV para o xigante do vídeo por Internet Netflix.

Considerada unha das millores histórias de pantasmas do século XX, The Haunting of Hill House foi adaptada ao cinema en 1963 no filme clásico The Haunting e no remake do mesmo título de 1999, que foi un fracaso. A história vai sobre un grupo de xente baixo o liderado dun investigador do paranormal que fican unha fin de semana nunha casa enmeigada de 80 anos de antigüidade.

Flanagan escribirá e dirixirá o proxecto el mesmo e tamén será o produtor executivo xunto a Trevor Macy. Esta será a primeira colaboración entre a Netflix e a Amblin TV após do seu documental de tres partes Five Came Back, que debutou hai pouco. A Amblin TV é ademais a produtora da aclamada série The Americans, mentres cá Paramount TV é a responsábel de 13 Reasons Why, Berlin Station e as vindeiras Maniac, Jack Ryan e The Alienist.

Flanagan recentemente adaptou ao cinema a novela de Stephen King Gerald’s Game. A película será estreada pola Netflix a finais deste ano.

Deixar unha resposta