Após do inesperado éxito de crítica e público da súa versión con actores reais do clásico da Disney Beauty and the Beast, que xa sobrepasou a barreira dos mil millóns de dólares de recadación, o realizador Bill Condon está xa a preparar o que podería ser o seu seguinte grande proxecto, o remake doutro clásico: nesta ocasión, o filme de James Whale The Bride of Frankenstein para a Universal Pictures.
A elección seica está clara para Condon, que é un admirador do filme orixinal de 1935. De feito, xa en 1999 rodou a biografía de James Whale en Gods and Monsters, daquela protagonizada por Ian McKellen nun filme que foi o primeiro grande éxito de Condon e que lle proporcionou unha nominación ao Oscar ao millor guión adaptado.
O remake de The Bride of Frankenstein conta coa produción de Alex Kurtzman e Chris Morgan a partir dun guión de David Koepp, que seica lle deu un toque feminista á história. O proxecto é parte dos plans da Universal para crear un universo cinemático que incorpore a todos os seus monstros clásicos e que arrincará axiña con The Mummy, a estrear no mes de xuño.