Nova tempada de Expediente X con 10 episódios

0
103

O pasado xoves a Fox anunciou que The X-Files regresará á canle a finais deste ano cunha nova tempada, a undécima, consistente en 10 episódios.

Esta decena de episódios supón sumar catro á anterior tempada que se estreou o ano pasado e que serviu coma revival da emblemática série de fantasía sobrenatural. O regreso supuxo o reencontro cunha audiéncia multimédia de case 16 millóns de espectadores e foi a segunda série mais vista da polémica cadea de televisión americana.

Unha vez mais a série contará co seu creador Chris Carter coma produtor executivo e con David Duchovny e Gillian Anderson coma protagonistas nos seus papéis de axentes do FBI Fox Mulder e Dana Scully. A série emitirá-se durante a tempada 2017-2018 e a produción comezará este verán.

David Madden, Presidente da Fox Broadcasting Company, dixo nun comunicado: “Persoaxes emblemáticos, unha rica narración, creadores ousados… estes son os distintivos das grandes séries de televisión. E son algunhas das razóns polas que The X-Files tivo un impacto tan profundo en millóns de fans en todo o mundo. A creatividade de Chris, xunto ao brillante traballo de David e Gillian, continúan a impulsar este fenómeno da cultura popular, e non podemos agardar para ver que novos mistérios descobrirán Mulder e Scully no novo episódio de The X-Files“.