David Fincher (Alien 3, Se7en, Fight Club) será o director e Brad Pitt regresará coma protagonista da vindeira secuela do filme épico de zombis World War Z na Paramount Pictures e a Skydance Productions.
O novo director da Paramount, Jim Gianopulos, quen xa tiña unha longa relación con Fincher, aínda non lle deu luz verde oficialmente ao proxecto, pero se agarda que o faga ao longo das vindeiras semanas. A produción podería comezar xa que logo no primeiro cuadrimestre de 2018.
O ano pasado xa se falara de que Pitt estaba moi interesado en que Fincher se sentara na cadeira de director para este proxecto, e que Fincher semellaba atraído pola ideia. Dende aquela, Gianopulos tomou posesión do seu novo posto e estivo a decidir que proxectos poderían seguir adiante e cales debían abandoar-se.
Fincher non dirixe unha película dende Gone Girl (2014) e dado o seu prestíxio en Hollywood considerába-se que sería contrário non só a facer filmes de zombis claramente fantásticos coma este, senón que ademais son unha secuela. Nombergantes, seica neste caso pesou moito a súa amizade con Pitt, a quen xa dirixiu en Se7en, Fight Club e The Curious Case of Benjamin Button.