O máximo responsábel de Captain America: The First Avenger e The Rocketeer, Joe Johnston, semella ser o elixido para sentar na cadeira de director da vindeira adaptación ao cinema da novela de C.S. Lewis The Chronicles of Narnia: The Silver Chair na TriStar Pictures, a The Mark Gordon Company e mais a eOne.
Na que será a cuarta versión nas pantallas dos mundos de Nárnia, e baseada no sexto libro da saga (composta por sete tomos), esta película servirá ademais coma relanzamento dunha franquía que xa se consideraba morta. Os papéis de todos os protagonistas corresponderán a novos actores, así que nin Will Poulter, nin Ben Barnes nin Liam Neeson regresarán aos seus persoaxes de Eustace, Caspian e mais o león Aslan.
A acción transcorre décadas despois de Voyage of the Dawn Treader en Nárnia (pero só uns poucos anos despois no mundo real). Eustace Scrubb e mais a súa amiga Jill Pole son levados de volta a Nárnia por Aslan coa misión de atopar ao herdeiro perdido do agora ancián rei Caspian. O príncipe Rilian desapareceu mentres tentan atopar á serpe verde que matou á súa nai.
Eustace e Jill diríxen-se ás terras xigantes do norde de Nárnia para atopar ao príncipe e encontrar-se coa Dama do Vestido Verde e mais un home que debe estar atado pola noite a unha Cadeira de Prata máxica.
David Magee (Life of Pi, Finding Neverland) está a adaptar o guión mentres ca Mark Gordon, Douglas Gresham, Vincent Sieber e Melvin Adams son os produtores.