Os Starship Troopers de debuxos animados

1225

Cando Paul Verhoeven rodou en 1997 o seu clásico de ciéncia-ficción Starship Troopers, tomou-se bastantes liberdades sobre a novela orixinal de Robert Heinlein, convertindo a súa mensaxe militarista e nacionalista nunha paródia do fascismo misturada con sexo, violéncia e humor.

A película foi continuada con várias secuelas que apareceron directamente no mercado de vídeo doméstico, e agora cunha nova versión, que será a quinta entrega da saga, pero a primeira en debuxos animados. Levará por título Traitor of Mars e contará coas voces de Casper Van Dien e Dina Meyer, repetindo os seus papéis protagonistas do primeiro filme. Ademais, o autor do guión orixinal, Ed Neumeier, é tamén o responsábel desta quinta parte.

Na película, Johnny Rico (Van Dien) ven de ser degradado e enviado a unha pequena estación de satélites en Marte mentres que a Federación ataca o planeta natal dos “bichos”. Mentres Rico tenta adestrar aos seus novos recrutas nesta remota estación, os bichos aparecen nun ataque por sorpresa cando as naves da Federación están demasiado lonxe para axudar. Dependerá de Rico e mais os seus soldados salvar ao planeta e descubrir por que os bichos chegaron tan preto da Terra sen seren detectados.

O filme de debuxos animados de Starship Troopers tamén chegará ás pantallas de cinema, pero será un só día, o vindeiro luns 21 de agosto en salas seleccionadas nos Estados Unidos. Cada exhibición contará cunha introdución especial a cargo de Neumeier e Van Dien.