Batman perde a Adam West

1070

O seu rostro foi o de Batman para toda unha xeración, que disfroitou del nos anos 60 nos Estados Unidos e nos anos 90 en Galiza coa TVG, e agora o lendário Adam West é xa parte da história da televisión. O actor morreu o venres á noite en Los Angeles após de perder a súa derradeira batalla contra a leucémia, aos 88 anos de idade.

William West Anderson, o verdadeiro nome do actor, foi a estrela da série Batman que emitiu a canle ABC, unha adaptación con actores reais do persoaxe da DC Comics dende 1966 até 1969. A súa fasquía definiu a toda unha xeración, simbolizando a estética kitsch dos anos 60 con córes brillantes, actuacións estrambóticas, paródia e moito humor, e iso é se cadra o que relembramos daquela década, cando os hippies eran o futuro e o futuro semellaba que nunca ía chegar.

Inda que West tivo moitos papéis ao longo da súa carreira, aqueles tres anos marcaron para sempre a súa vida e el mesmo quedou definido polo persoaxe. Coma moitos outros actores daqueles anos (os protagonistas de Star Trek, sen ir mais lonxe) ficou encadrado nos seu papel, tentou afastar-se do seu persoaxe, pero nunca o conseguiu, e finalmente aceptou de bó grao a fama que Batman lle forneceu.

A súa carreira comezou en 1957, e tras representar ao detective encapado durante tres anos ofrecéron-lle o papel de James Bond no filme Diamonds Are Forever, pero non aceptou. Os seus papéis posteriores foron decepcionantes nos despachos de billetes e breves aparicións coma convidado en moitas séries de televisión.

A West non lle gustaban as interpretacións mais sinistras e escuras de Batman, pero aceptou o traballo de lle poñer voz a moitos persoaxes relacionados, especialmente no memorábel episódio The Grey Ghost da série dos anos 90 Batman: The Animated Series. A súa voz característica é imposíbel de non recoñecer en Family Guy, Futurama, Scooby-Doo, SpongeBob SquarePants, Rugrats ou The Simpsons, así coma en multitude de videoxogos.

West casou en terceiras núpcias con Marcelle Tagand Lear en 1971 e tiña seis fillos.