Hinterlands, de William Gibson, á tele

922

A compañía de animación a man Last Studio Standing ven de anunciar os seus plans para facer unha curtametraxe e mais unha série de televisión que adapte o conto de ciéncia ficción Hinterlands, publicado polo autor de Neuromancer, William Gibson, en 1981.

O conto vai sobre unha estación espacial rusa que se perde e reaparece anos despois con todos os seus tripulantes mortos. As posteriores viaxes a esas coordenadas por parte doutras naves só fan que elas tamén desaparezan noutro misterioso lugar e regresen cos seus pilotos mortos.

Nun comunicado de prensa, o director xerente dos estudos Jonathan Kitzen dixo: “É unha história moi boa. Sabemos que podemos facer mais con ela porque a animación é unha ferramenta todopoderosa coa que se pode crear de todo. Planeamos facer algo que se asemelle a Gravity misturado con Blade Runner, e esta história ofréce-nos unha paleta de posibilidades, por cen millóns de dólares menos cun filme de acción tradicional“.

Last Studio Standing quere facer un episódio piloto para unha série de televisión o ano que ven e proxectar o devandito piloto nos cinemas. Iso marcaría o comezo dun plan de cinco anos para a franquía, incluíndo unha série de televisión e mais unha posíbel secuela.