Carpenter escribe a secuela da Pequena China

1200

O novo xogo de mesa baseado no clásico filme de culto de John Carpenter de 1986 Big Trouble in Little China non é o único produto vencellado á longametraxe que vai aparecer a finais deste mesmo ano.

De feito, o cómic Big Trouble in Little China: Old Man Jack, será publicado pola Boom! Studios contando nada menos ca que co mesmísimo Carpenter coma co-guionista xunto a Anthony Burch (Borderlands 2) e cos debuxos do venezolán Jorge Corona.

No primeiro arco argumental, que abranguerá catro números, estamos no ano 2020 e Ching Dai, o Deus do Leste que enmeigou a Lo Pan, rachou as barreiras entre a Terra e os infernos infinitos, declarándo-se a si mesmo o governante de todo.

Jack Burton, quen agora ten 60 anos, está só nun pequeno recuncho de Florida coa única compañía da súa vella rádio escachada, até que un día che chega unha mensaxe: hai alguén aí fóra e coñece unha maneira de deter a Ching Dai.

O primeiro número chegará aos andéis das librarías en setembro e promete ser “a parada final no Expreso do Pork-Chop“.