R.I.P. George Romero

0
54

O famoso realizador George A. Romero, mestre do terror e considerado o pai do moderno xénero de zombis grazas ao seu emblemático filme de 1968 Night of the Living Dead, morreu aos 77 anos após dunha breve pero agresiva loita contra un cancro pulmonar, segundo informou o seu parceiro de produción Peter Grunwald.

Nado en New York en 1940, fillo dunha lituana e mais un cubano (a quen algúns atribúen ser galego) criou-se no Bronx e comezou a súa carreira rodando anúncios.

Ao éxito de Night of the Living Dead seguíron-lle There’s Always Vanilla (1971), Jack’s Wife / Season of the Witch (1972) e The Crazies (1973), tres filmes de xénero cos que non acadaron tanta popularidade, así que regresou aos zombis que el mesmo creara con Dawn of the Dead (1978). Con este filme gañou de novo o aplauso dos fans e da crítica e con tan só un millón e médio de dólares de orzamento fixo 55 nos despachos de billetes.

En 1985 insistiu no mesmo tema con Day of the Dead, pero antes rodara Knightriders (1981) e Creepshow (1982), este en colaboración con Stephen King, con quen volveu colaborar en 1993 con The Dark Half (1993) e dende 1983 a 1988 produciu para a televisión a série Tales from the Darkside.

En 1988 fixo Monkey Shines e en 1990 Two Evil Eyes, unha adaptación de Edgar Allan Poe en colaboración con Dario Argento. Non regresaría á cadeira de director até 2000, co filme francés Bruiser, ao que lle seguiron as secuelas de zombis Land of the Dead en 2005, Diary of the Dead en 2007 e Survival of the Dead en 2009, xa o seu derradeiro filme.