As críticas da primeira das dúas películas que adaptan ao cinema o clásico de Stephen King IT van chegando pouco a pouco e son excelentes polo de agora. Caso de que tivera o éxito agardado, o director Andrés Muschietti e mais a súa irmá e produtora Bárbara Muschietti xa deixaron caer que lles gostaría ocupar-se doutras grandes obras do rei do terror.
A parella xa posúe os dereitos para levar ao cinema o conto de ciéncia-ficción e terror The Jaunt, escrito en 1981, pero nunha entrevista publicada na prensa canadiana, Bárbara Muschietti dixo que hai outro libro no que están particularmente interesados:
“Somos grandes fans de Pet Sematary. Se podemos poñer as mans nese e facer o Pet Sematary que queremos facer, sería incríbel. Algún día, se cadra“.
A novela de 1983 narra a história dunha família que se muda a unha casa canda unha autoestrada con moito tráfico, mentres que un paseo a través dun bosque próximo leva a un cemitério de animais, e un pouco mais aló, a un antigo lugar de enterramento índio que, segundo as lendas, pode devolver os mortos á vida. O libro xa fora adaptado á pantalla grande por Mary Lambert en 1989. Dale Midkiff, Fred Gwynne e Denise Crosby foran daquela os seus protagonistas.
O rexurdido interese polas obras de Stephen King non para aí: a pasada fin de semana estrou-se The Dark Tower nos cinemas, mentres cá Hulu está a desenvolver unha série de televisión antolóxica que combina várias obras de King.