O Home Araña volta a casa

0
168

Spider-Man: Homecoming

Director: Jon Watts
Guión: Jonathan Goldstein, John Francis Daley, Jon Watts, Christopher Ford, Chris McKenna e Erik Sommers
Reparto: Tom Holland, Michael Keaton, Jon Favreau, Zendaya, Donald Glover, Tyne Daly, Marisa Tomei e Robert Downey Jr.

Spider-Man leva sendo publicado desde os anos 1960, primeiro da man dos seus creadores Stan Lee e Steve Ditko e despois por ducias de debuxantes e guionistas e é por isso que non hai un único Spider-man, e, xa agora em 2017, tampouco no cinema hai un só Home Araña.

Primeiro foi a triloxia de Sam Raimi (Spider-Man 1, 2 e 3), despois as dúas de Marc Webb (The Amazing Spider-Man 1 e 2) e agora Spider-Man: Homecoming, de Jon Watts, que agardamos teña as súas correspondentes secuelas.

Cada versión, cada revisión, céntrase nun ou varios aspectos do superheroe, a súa historia ou o seu entorno. Nos primeiros, os protagonizados polo actor Tobey Maguire, vemos un Spidey colorista que se vai escurecendo intentando gañar o corazón de Mary Jane e loitando contra o Trasno Verde (e o Dr. Octopus, e o Home de Area…). Nos segundos, con Andrew Garfield baixo o traxe, o ton xa é máis escuro de partida, vólvesenos contar unha nova orixe do personaxe e loita contra o Lagarto e Electro.

Nesta nova reinterpretación de 2017 todo muda para seguir sendo Spider-Man. A primeira triloxía é dos tempos nos que comezaban de novo os filmes de superheroes e cada un estaba só no seu mundo (agás a Patrulla X, que son unha tropa). Cando as personaxes de Marvel comezaron a compartir espazo e universo o Home Araña (e os Catro Fantásticos) ficaron fóra por un tema de dereitos. Desta época son as dúas seguintes fitas, que andaban un pouco perdidas e non tiveron a resposta e o éxito agardados (había dous filmes máis programados). E así chegamos aos nosos días, onde se chegou a un acordo intermedio co tema dos dereitos e Spider-Man fai parte xa do novo universo cinematográfico de Marvel, o Marvel Cinematic Universe (MCU).

Spider-Man. Homecoming sucede xusto despois de Capitán América: Civil War (Captain America: Civil War, 2016) onde o noso amigo arácnido fixo a súa primeira aparición no momento álxido do filme, durante a batalla final que enfronta os dous bandos. Unha das cousas que primeiro chama a atención (comparada coas anteriores e, en xeral, coa maioría dos filmes de superheroes) é que aforran contarnos as orixes da personaxe, como acadou os poderes, etc. Na guerra civil que enfronta aos superheroes (os do Capitán América contra os do Home de Ferro) Peter Parker é un adolescente com velocidade, axilidade e forza sobrehumanas que está aprendendo a dominar, agora coa axuda tecnolóxica de Tony Stark e o seu emporio. E inda que o mundo estea em guerra Nova York segue a ser o seu centro de operacións e as súas preocupacións as de todo adolescente.

Vulture
Semella que esta nova entrega consegue reflectir na pantalla o espírito da banda deseñada sen máis pretensións que pasar o tempo.

Spider-Man. Homecoming é unha actualización máis que acertada da icona da banda deseñada que mantén a frescura, o espírito adolescente e o humor; que ten claro o seu público teenager (o que máis vai ao cinema) e non aspira a nada máis que facer pasar uns bos 133 minutos de acción, risas, intriga e algunha que outra sorpresa. O vilán desta volta é Vulture (Voitre) mas nunha versión bem renovada, pois o da banda deseñada era bastante patético e xa cheiraba a naftalina. O seu percorrido entróncase cos feitos de The Avengers (Los Vengadores, 2012), o uso de tecnoloxía alieníxena e mesmo a crise. Tamén reciben a súa correspondente actualización outros dous viláns: Shocker (o Conmocionador) e Tinkerer (o Chapuceiro) integrantes xunto co Voitre de vários grupos de viláns aos que se enfronta o noso heroe na banda deseñada.

Dous acertos visto o resultado: o equipo creativo, o director Jon Watts (Clown, Cop Car, programas da canle de The Onion…) e os guionistas John Francis Daley (si, o actor) e Jonathan Goldstein (Horrible Bosses, Vacation, Cloudy with a Chance of Meatballs 2); e a escolla do casting.

Un pensamento final. Poderían Batman, Batman Returns (Batman volve), Birdman or (The Unexpected Virtue of Ignorance) e Spider Man: Homecoming estar todos no universo de Multiplicity (Os meus dobres, a miña muller e eu)?