Brian Aldiss morreu aos 92 anos

0
95

Brian Aldiss, un dos derradeiros grandes mestres da ciéncia-ficción clásica, á que axudou a lle dar forma dende que comezou a publicar nos anos 50, morreu o pasado 19 de agosto aos 92 anos de idade.

O axente do escritor, Curtis Brown, e mais o seu fillo Tim Aldiss, deron a coñecer que o deceso tivo lugar na súa casa de Oxford (Inglaterra) nas primeiras horas do día 19. “Brian celebrara o seu aniversário cos amigos mais próximos e coa família“, escribiu en Twitter o seu fillo Tim mentres anunciaba a morte “do noso querido pai e avó“.

Aldiss é o autor de moitos clásicos da ciéncia-ficción, coma Non-Stop, Hothouse e Greybeard, así coma da triloxía de Helliconia, que segundo o seu axente, “é a ponte entre a ciéncia-ficción clásica e mais a literatura moderna“. Os seus moitos relatos inclúen Super-Toys Last All Summer Long, que foi adaptado ao cinema por Steven Spielberg no seu filme AI, e a súa saga de Horatio Stubbs baseou-se nas súas aventuras durante a guerra en Birmánia e no Estremo Oriente.

Durante a súa carreira recibiu moitísimos prémios, incluíndo o Hugo e mais o Nebula, un doutorado honorífico pola Universidade de Reading, o título de Grande Mestre da “Science Fiction and Fantasy Writers of America”, e mais a Orde do Império Británico polos seus servizos á Literatura.