Haberá segunda tempada de The Orville

874

A Fox anunciou onte a renovación da série de ciéncia-ficción creada e protagonizada por Seth MacFarlane, The Orville, para unha segunda tempada. Esta é a primeira série que recibe a confirmación dunha segunda tempada na Fox este ano.

Mália estar dirixida a un dos segmentos de audiéncia mais difíciles (a povoación entre 18 e 49 anos), ten un dos mellores ratios e vai terceira esta tempada entre as séries que deron comezo en 2017.

Ambientada catro séculos no futuro, o seu argumento xira ao redor dun recén divorciado (McFarlane) que por fin ten a oportunidade de capitanear unha nave espacial de seu, pero descubre que o primeiro oficial asignado a bordo é a súa ex-muller (Adrianne Palicki).

Scott Grimes, Penny Johnson Jerald, Peter Macon, Mark Jackson, J. Lee, Halston Sage e Norm Macdonald son os outros protagonistas dunha série que comezou con moi malas críticas pero que pouco a pouco foi gañando o favor non só da audiéncia senón da prensa especializada.

O presidente de entretimento da Fox, Michael Thorn, dixo no seu comunicado que “unha vez mais Seth acertou de cheo cos espectadores. Creou unha série chea de optimismo, de drama e co seu humor característico. Queremos agradecer-lle a el e ao resto do talentoso reparto, así coma aos produtores e á equipa, por unha incríbel primeira tempada. Non podemos agardar para ver a onde viaxa The Orville na segunda“.