En marcha xa a cuarta triloxía de Star Wars

736

A Disney ven de pechar un acordo co responsábel de Star Wars: The Last Jedi, o director Rian Johnson, para que desenvolva unha nova triloxía de filmes da saga de Star Wars.

Johnson escribirá o guión e dirixirá polo menos o primeiro dos novos tres filmes xunto ao seu colaborador habitual Ram Bergman, quen ademais producirá, pero agárda-se algún tipo de ligazón para as tres longametraxes. Xa está confirmado que a nova triloxía estará separada da saga da família dos Skywalker e explorará un recuncho da galáxia onde as tradicións de Star Wars nunca foron exploradas.

Kathleen Kennedy, a presidenta da Lucasfilm, dixo: “A todos encantou-nos traballar canda Rian en The Last Jedi. É unha forza creativa, e ve-lo facer The Last Jedi dende o comezo até o remate foi unha das grandes ledícias da miña carreira. Rian fará cousas incríbeis no lenzo en branco desta nova triloxía“.

Johnson e mais Bergman dixeron nun comunicado conxunto que pasaran o mellores momentos das súas vidas colaborando coa Lucasfilm: “Star Wars é a mais grande mitoloxía moderna e sentímo-nos moi afortunados de contribuír a ela. Non podemos agardar a continuar con esta nova série de filmes“.

Ademais, o presidente da Disney Bob Iger anunciou que a compañía planea facer unha série de televisión con actores reais baseada en Star Wars e que se emitirá na canle de streaming que a Disney ten previsto lanzar a finais de 2019. No devandito servizo emitirán-se ademais unha adaptación de Monsters Inc. e unha nova série orixinal da Marvel.

Polo de agora non hai datas para a produción ou a estrea das novas tres longametraxes, que serán os Episódios X, XI e XII.