Star Wars: The Last Jedi

0
68

Director: Rian Johnson
Guión: Rian Johnson
Reparto: Mark Hamill, Carrie Fisher, Adam Driver, Daisy Ridley, John Boyega, Oscar Isaac, Andy Serkis, Lupita Nyong’o, Domhnall Gleeson, Anthony Daniels, Gwendoline Christie, Kelly Marie Tran, Laura Dern e Benicio del Toro.

Calificación: 91 %

Coma cada ano, as tradicións de nadal que hai que respectar seriamente van sendo cada vez menos, pero se unha delas é ver o día 24 o clásico Die Hard con Bruce Willis antes de ser calvo, a outra é sen dúbida a entrega da saga da Guerra das Galáxias, que non debe fallar a estas alturas do ano.

E coma non podía ser doutro xeito, tras os acordes da música creada por John Williams aparece o Episódio VIII e a cousa é espectacular. Vaia por diante o meu profundísimo desprezo aos que consideran que só a triloxía “orixinal” de Star Wars é boa: os que así pensan deberían pasar a folla do calendário e decatar-se de que xa non estamos en 1980, que o cinema en 3D e con efectos especiais xerados por computador está aquí para ficar, e que por moito que rábien, non imos voltar atrás no tempo. Eu pola miña banda direi que é a primeira vez que estou pleamente satisfeito dos 11 euros que me custou a entrada, son cartos ben gastados.

E se deciamos que isto xa non é 1980, vale para todos, non só para os espectadores. Os persoaxes xa non son os mesmos, as histórias tampouco e nin sequera esa sensación de eterno dejà vú que se ten cando aparece un novo episódio resiste o paso do tempo. Por fin, todo é novo. Por fin, hai sorpresas de verdade, xiros argumentáis que non se esperaban, deses que te deixan coa boca aberta coma non pasaba dende que Darth Vader revelou o de “Luke, eu son o teu pai“.

The Last Jedi
Luke Skywalker, derradeiro custódio dos libros sagrados da relixión Jedi.

O máximo protagonista, Luke Skywalker, xa vai vello. E a súa irmá, a princesa Leia, outro tanto. A voz cascada de Carrie Fisher (ainda que non tanto coma a de Anthony Daniels), quen morreu antes de se estrear o filme, é sinal de que estamos perante un final de etapa, a história que coñeciamos xa non continúa, non daba para mais, e había que inventar cousas novas. As moitas intervencións de Fisher, que mesmo serven coma homenaxe na súa aparición final nunha pantalla de cinema, son o canto de cisne dunha família galáctica que xa dixo todo o que había que dicir.

Pero iso non sinifica que a história remate, a política na Galáxia é-che cousa complicada e a relixión mesmo mais. Os novos heroes tentan enganchar-se co pasado cando Rey (Daisy Ridley) vai na procura de Luke ao planeta no que se exiliou, pero Luke non quere saír dalí, os seus motivos ten. Mentres tanto, os heroes da Resisténcia, que de tan dezmados xa semellan pouco mais ca unha banda de catro gatos, loitan contra a Primeira Orde comandada polo maléfico Supremo Líder Snoke e o seu servo Kylo Ren, quen segue a semellar-me un pouco demasiado adolescente, pero será que eu vou indo vello, ou que Adam Driver é moi noviño. O caso é que tamén ten moitas sorpresas que revelar e o seu persoaxe vai medrando en complexidade e mesmo en psicopatía, ou alomenos algo deberían analizar os expertos porque as voltas que dá son coma para facer-llo mirar.

The Last Jedi
Que alguén psicoanalice a este rapaz, que nos vai dar un disgusto!

Poe e mais Finn seguen a ser un pouco os complementos da heroína principal, ainda que os seus papéis son moitos mais importantes ca na anterior entrega, pero se cadra, por iso de que estamos ante unha galáxia nova, xa non poden ser tan heroes coma eran Luke e Han. Os tempos van cambiando e as circunstáncias son menos propícias para as heroicidades.
Entre o resto de protagonistas, Benicio del Toro é un pouco coma Jack Nicholson, non importa que papel faga porque sempre fai de si mesmo. Andy Serkis irrecoñecíbel coma sempre, Laura Dern nun papel de ben merecido líder da Resisténcia e a sorpresa de Kelly Marie Tran coma Rose Tico, unha rapaza que semellaba que só ía ter un par de frases pero que se fai coa pantalla cada vez que fala.

The Last Jedi
Os Porgs, simpáticos, adorábeis… e comestíbeis?

Mención especial para os Porgs, unhas adorábeis novas creaturiñas, que moitos dirán que son só merchandising pero que coma adoita acontecer coa Disney, serven para dar unha lección moi valiosa contra o maltrato animal, e os novos toques dun humor que non aparecía na saga dende que Han Solo discutira co intercomunicador na Estrela da Morte.

En fin, que dende a batalla inicial ao solpor final, será moi difícil non ficar cos ollos moi abertos e abraiar-se unha e outra vez ao longo destes 152 minutos de proxección que se fan moi curtos e que ben merecen un rotundo aplauso ao remate.