O Star Trek de Tarantino xa ten guionista

0
60

Quentin Tarantino ven de escoller ao guionista de The Revenant, Mark L. Smith, para que se encargue de escribir a vindeira entrega da saga de Star Trek, un filme do que polo de agora só se sabe que será calificado “R”, ou sexa, para maiores de 18 anos, e que o cineasta de Tennessee producirá e pode que mesmo dirixa.

Tarantino creara un espazo de traballo o mes pasado con Smith, Lindsey Beer, Drew Pearce e Megan Amram, quen traballaran xuntos nunha ideia orixinal do famoso responsábel de Pulp Fiction. Smith estaba considerado coma o máximo favorito para se facer co posto de guionista, e agora xa o ten.

Ainda que o filme está nas súas primeiras etapas de desenvolvemento e ainda non conta coa aprobación definitiva da Paramount, non sería descartábel o regreso de William Shatner ao posto de capitán Kirk, dado que Tarantino é un grande fan do actor canadiano. Pola súa banda, o actor Patrick Stewart xa mencionou que lle gustaría asemade repetir o seu emblemático papel de capitán Picard.

J.J. Abrams será o produtor da película, a cuarta entrega dunha saga de filmes que polo de agora leva recadados entre 340 (o que menos) e 460 millóns de dólares en todo o mundo.