Os Micronautas tamén en debuxos animados

0
81

A Hasbro Studios, a división para o cinema e a TV da famosa marca de xoguetes, está a desenvolver unha adaptación para a pequena pantalla da súa liña Micronauts, creada nos anos 70, e con plans de chegar á tele en 2019 cunha série de capítulos de média hora.

Aínda que se fixeron populares grazas tanto aos xoguetes coma aos cómics (editados pola Marvel) os Micronautas nunca dispuxeran dunha série de seu, coma moitos outros xoguetes da mesma época, e por iso o grao de coñecemento da marca non é tan alto.

Na série, un grupo de exploradores espaciais dunha raza alieníxena chega á Terra á procura do malvado Baron Karza para descobrir que no noso mundo son do tamaño de bonecos de xoguete. Os Micronautas forxarán unha alianza co adolescente Cameron Ruck, quen se une a eles na súa busca da xustiza.

Polo de agora non hai ningunha ideia de se a série será emitida por algún servizo de streaming ou pola canle Discovery Family onde xa hai outras séries da Hasbro en antena. O programa en todo caso chegará antes do filme Micronauts que está planeado pola Paramount e que ten data de estrea prevista para 2020 nun universo cinemático que incluirá ademais a G.I. Joe, M.A.S.K. e ROM.