Morreu Ursula K. Le Guin, mestra da ciéncia-ficción

0
89

Ursula K. Le Guin, a escritora que tivo a coraxe de unir a ciéncia-ficción, a fantasía e mais o feminismo en libros coma The Left Hand of Darkness (1969) ou a súa saga de Terramar, finou o pasado luns 22 na súa casa de Portland, Oregón, aos 88 anos de idade.

O seu fillo Theo Downes-Le Guin confirmou o pasamento pero non especificou as causas exactas. Le Guin padecía de todos os xeitos unha saúde feble dende había moitos anos.

A súa morte deixa orfa á ciencia-ficción. Ningunha outra muller significou tanto para o xénero nin lle aportou tanta calidade coma Le Guin, autora de novelas fundamentáis no xénero e á mesma altura de mestres coma Arthur C. Clarke ou Ray Bradbury. A súa obra ergueu á fantasía até o nivel da alta literatura.

Le Guin adoptou os temas mais habituáis da ciéncia-ficción e da fantasía: meigos, dragóns, naves espaciais e conflitos interplanetários. Pero mesmo que os seus protagonistas sexan homes, sempre evitou a clásica fasquía dos heroes supermachos invencíbeis destes xéneros. Os problemas aos que deben enfrontar-se os seus protagonistas adoitan estar enraizados nunha loita entre culturas e deben resolver-se mediante a conciliación e o sacrifício persoal, no canto de loitas con espadas ou batallas con ráios láser. Le Guin sempre se considerou unha feminista, pero só nas súas obras finais puxo coma protagonista a unha muller.

As súas obras van dende aventuras para adolescentes a fábulas filosóficas, combinando histórias convincentes, unha rigorosa lóxica narrativa e un estilo esvelto pero lírico que, segundo dicía, podía ser unha forza moral: “se non podes ou non queres imaxinar os resultados das túas accións, non hai xeito de que poidas actuar de maneira moral ou responsábel. Os nenos pequenos non poden face-lo, son monstros moráis, totalmente cobizosos. A súa imaxinación ten que ser adestrada na previsión e na empatía“.

Os seus libros foron traducidos a mais de 40 idiomas. Moitos, incluíndo The Left Hand of Darkness (ambientado nun planeta onde as distincións habituais de xénero non son aplicábeis) levan reimprimíndo-se mais de 50 anos.

Nacida co nome de Ursula Kroeber en Berkeley, Califórnia, o 21 de outubro de 1929, filla de dous antropólogos, leu moita mitoloxía de pequena, así coma o clásico The Golden Bough de James Frazer ou as obras de Lord Dunsany, pero tamén a ciéncia-ficción da súa época. Licenciou-se en 1952 en literatura medieval e do Rexurdimento pola Universidade de Columbia e gañou unha Beca Fulbright para estudar en París, onde coñeceu ao seu home Charles Le Guin.

A súa primeira novela de ciéncia-ficción, Rocannon’s World, saiu do prelo en 1966. Dous anos despois publicou A Wizard of Earthsea, a primeira entrega dunha macrosaga sobre o mundo de Terramar, onde a práctica da máxia é tan exacta coma a da ciéncia. Ainda que os tres primeiros tomos da saga foron obras para adolescentes (seguindo os consellos do seu editor), o resto ten un estilo moi distinto e busca captar outro tipo de público.

The Left Hand of Darkness, aparecida en 1969, ten lugar nun planeta chamado Gethen, onde a xente non é home nin muller pero asume os atributos de cada sexo dependendo da época do ano. Le Guin dixo dela: “eliminei os xéneros para saber o que quedaba“. A obra gañou os prémios Hugo e Nebula e é hoxe en día obxecto de estudo en coléxios e universidades.

Moitas das súas obras están enmarcadas nun universo común, unha confederación de mundos chamada o Ekumen, fundada por un povo antigo que sementou humáns pola galáxia. Entre eses mundos están os que aparecen en The Dispossessed, unha obra que contrasta unha sociedade capitalista cun mundo utópico sen clases sociais e na que Le Guin deixa ao abur do leitor decidir cal das dúas é millor… ou peor.

The Lathe of Heaven (1971) está entre os seus escasos libros que foron adaptados á pantalla. As outras obras son unha série de debuxos animados chamada Tales From Earthsea e unha minisérie na canle SyFy, Legend of Earthsea.

En 2014 recibiu a Medalla por Contribucións Salientábeis á Literatura Americana, que aceptou dicindo que “a fantasía e a ciéncia-ficción levaban excluídas demasiado tempo da Literatura“.

Le Guin viviu os seus derradeiros días nunha casa ás afóras de Portland canda o seu home e mais os seus gatos. Sobreviven-lle o seu marido, dúas fillas, un fillo e catro netos.