A parella de Xogo de Tronos pása-se a Star Wars

1124

Os creadores da série de televisión Game of Thrones David Benioff e D.B. Weiss escribirán e producirán unha nova saga de filmes da Guerra das Galáxias para a Disney Pictures.

A nova saga estará separada da liña argumental central da família dos Skywalker e tamén da série dirixida por Rian Johnson que se anunciou o ano pasado. Tampouco se sabe polo de agora cando estarán listos os guións nin cando chegarán estas películas finalmente ás salas de cinema.

Kathleen Kennedy, presidenta da Lucasfilm, dixo nun comunicado: “David e Dan son uns dos millores narradores de histórias que traballan hoxe en día. O seu domínio sobre persoaxes complexos, a profundidade das histórias e a súa riqueza e mais a mitoloxía racharán novas metas e empurrarán totalmente a Star Wars de xeitos que encontro incríbelmente emocionantes“.

Pola súa banda Benioff e Weiss dixeron que “no verán de 1977 viaxamos a unha galáxia moi, moi afastada e soñáramos con ela dende aquela. Sentímo-nos honrados pola oportunidade, un pouco asustados pola responsabilidade e moi emocionados de comezar en canto remate a tempada final de Game of Thrones“.

Game of Thrones, a adaptación da série de libros incompleta de George R.R. Martin, rematará o seu percorrido polas pantallas de televisión na canle HBO en 2019. Benioff e Weiss anunciaran ademais que estaban a traballar na série Confederate para a mesma canle, pero o proxecto xerou controvérsia polo seu argumento e a HBO declinou facer comentários sobre o futuro desa série.