Michael Bay prepára-se para dirixir “Lobo”

798

A Warner Bros. e mais a DC Entertainment queren que Michael Bay se encargue de dirixir a adaptación ao cinema de Lobo, unha franquía dos cómics que leva moito tempo en desenvolvemento pero que non acaba de despegar.

Seica Bay mantivo unha xuntanza cos responsábeis dos estudos e ofreceu algunhas notas que o guionista Jason Fuchs (Wonder Woman) incorporará a un novo esbozo de guión que presentarán a Bay coa esperanza de que este acepte asinar o contrato. Pero polo de agora non hai nada oficial. O principal problema é o orzamento, xa que o actual guión o elevaría por riba dos 200 millóns de dólares, unha cifra que os estudos non queren alcanzar e que nin o mesmo Bay contempla.

A Warners quere que Lobo sexa a súa resposta ao éxito de Deadpool na Fox, coa que se racha o cuarto muro nun filme de superheroes, ou neste caso, de antiheroes. Lobo é un cazarrecompensas do planeta Czarn, é case indestrutíbel e conduce unha motocicleta espacial a través do cosmos, sempre na busca da súa seguinte présa. O persoaxe fíxo-se moi popular nos anos 90, pero pouco a pouco foi esquecido polos leitores dos cómics.

Bay pola súa banda está libre nestes intres xa que non ten ningún proxecto previsto.