Galaxina reinventada na tele

235

A Crown International Pictures ven de contratar ao guionista e produtor Mark A. Altman (The Librarians) para que desenvolva e se ocupe dunha nova série de ciéncia-ficción para a televisión baseada na comédia Galaxina, unha película de baixo orzamento do ano 1980 dirixida por William Sachs.

Dorothy Stratten, Stephen Macht, Avery Schreiber e J.D. Hinton foron os protagonistas do filme orixinal, que ía sobre un ser cibernético que era a chave para descubrir o misterioso cristal Estrela Azul. A longametraxe era realmente unha comédia que parodiaba a distintos westerns e filmes de ciéncia-ficción da época, pero fíxo-se tristemente famosa porque a súa protagonista, a canadiana Playmate do Ano Dorothy Stratten, foi asasinada nun crime machista pouco despois da estrea.

A nova versión para a pequena pantalla será, segundo os seus promotores, “un thriller de ciéncia-ficción de alta octanaxe, sofisticado, con valores dunha produción de primeira clase que redeseñará a propriedade orixinal nunha longametraxe do século XXI, intelixente, provocadora e cun ambiente de televisión por cable“.