A Lucasfilm ven de anunciar que o director de Iron Man e The Jungle Book, Jon Favreau, será o produtor executivo e guionista dunha série de televisión ambientada no universo da saga de Star Wars, esta vez con actores reais. A devandita série poderá ver-se na nova plataforma de vídeo baixo demanda da Disney, que se estreará a finais de 2019.
Favreau, que xa tivo algunha participación na série de debuxos animados Star Wars: The Clone Wars e no vindeiro filme Solo: A Star Wars Story, era unha das opcións mais lóxicas para a Disney, onde está a traballar arestora na nova versión de The Lion King, que aparecerá tamén en 2019.
Unha vez remate o seu traballo en The Lion King, comezará a facer a série de Star Wars. A presidenta da Lucasfilm, Kathleen Kennedy, dixo nun comunicado:
“Non podería estar mais emocionada por Jon chegando a bordo para producir e escribir na nosa nova plataforma directa para o consumidor. Jon aporta a perfecta mistura de talento na produción e nos guións, combinada coa súa fluidez no universo de Star Wars. Esta série permitirá-lle a Jon ter a oportunidade de traballar cun grupo variado de escritores e directores e dar#a-lle á Lucasfilm a oportunidade de construír unha sólida base de talento“.
Ainda que a decisión era bastante clara para a Disney, que confía nun “home da casa”, a decisión non foi ben recebida polos fans e a xente da indústria, que querían a unha muller ou a unha persoa de cór para dirixir este novo proxecto de Star Wars.
A série, ainda sen título, non ten polo de agora unha data de estrea.