The Last Starfighter terá unha secuela

Após de que hai uns días ficase confirmado que o clásico filme de ciéncia-ficción de 1984 The Last Starfighter ía ter un remake, o guionista Gary Whitta engadiu algúns detalles nas súas redes sociais, coma debuxos de concepto que inclúen a emblemática nave espacial do filme orixinal.

E ademais, nunha entrevista, Whitta confirmou non só que haberá un remake senón que o guionista do primeiro filme, Jonathan Betuel, está a colaborar neste proxecto. Seica Betuel ten algúns dereitos sobre a propriedade intelectual, así que ten que participar dalgún xeito:

Despois de molesta-lo moitas veces coas miñas preguntas de fanboy sobre o filme orixinal, comezamso a falar sobre como sería unha nova versión. Pasamos tantas horas traballando nela que xa lle perdín a conta, pero arestora temos un argumento totalmente desenvolvido que é unha combinación de relanzamento e secuela que coidamos que fará honra ao legado do filme orixinal mentres lle pasa o facho a unha nova xeración.

Estamos os dous moi emocionados sobre isto creativamente… é un proxecto apaixoante para Jon e para min. E sei que temos aquí unha película estupenda. Pero aínda temos que tratar dalgúns temas de negócios antes de poder seguir adiante. Tivemos unha chea de conversas coa Universal. Estamos decididos, dun xeito ou doutro, a facer que isto saia adiante“.

Lance Guest foi o protagonista do filme orixinal, no papel dun rapaz cuxas habilidades nun xogo arcade lévan-o a ser recrutado nunha auténtica guerra galáctica, defendendo a “Fronteira” dos Xur e da armada dos Ko-Dan. A longametraxe foi unha das primeiras que fixeron un uso intensivo dos gráficos xerados por computadora, e nos despachos de billetes acadou algúns benefícios (28 millóns de dólares sobre un orzamento inicial de 15 millóns) pero o seu auténtico éxito foi grazas a se converter a posteriori nun filme de culto grazas ás súas adaptacións a novela e videoxogos.