Os Tommyknockers regresan ao cinema

O director e produtor de The Conjuring, James Wan, e mais o produtor de IT, Roy Lee, van unir as súas forzas para adaptar ao cinema unha das mais clásicas novelas de terror e ciéncia-ficción de Stephen King, o seu libro de 1987 The Tommyknockers.

A história vai sobre unha vila nos bosques de Maine, onde ún dos seus habitantes descubre e comeza a escarvar unha nave espacial extra-terrestre que levaba séculos soterrada, pero a nave comeza a emitir un gas que converte á povoación local nun grupo de xente cunha mente común e de paso en xénios tecnolóxicos.

Os que son “convertidos” comezan a perder a súa saúde física e mental, mentres o persoaxe principal é un poeta alcohólico que semella inmune aos efectos da nave grazas a unha placa de metal que leva na cabeza dende que sofreu un accidente de esquí sendo un adolescente.

O mesmo King confesou que a súa obra está inspirada no clásico de H.P. Lovecraft The Colour Out of Space. E inda que a crítica non considera esta obra coma unha das súas millores, continúa hoxe a ser a segunda mais vendida de todos os tempos en tapa dura polo mestre do terror.

Wan e mais Lee serán os produtores xunto con Larry Sanitsky, que tamén produciu a versión de 1993, unha mini-série para a televisión que protagonizaran Jimmy Smits, Marg Helgenberger, Traci Lords, Joanna Cassidy e Robert Carradine. O proxecto foi adquirido pola Universal Pictures nunha dura poxa contra xigantes do cinema e do streaming.