A directora inglesa S.J. Clarkson ven de comezar a negociar a súa entrada no novo proxecto da saga de Star Trek no cinema. De pecharen o acordo, sería a primeira muller que dirixa unha longametraxe desta clásica franquía.
A Paramount Pictures confirmou a pasada semana que estaban a desenvolver dúas novas películas de Star Trek. Todo facía supoñer que sería a cuarta entrega protagonizada por Chris Pine desde que comezou o relanzamento da franquía nesta nova etapa, na que o director Quentin Tarantino está vencellado.
Esa suposición está pouco a pouco a se confirmar, xa que semella que ademais de Clarkson, os estudos están a renegociar con Pine e Zachary Quinto para protagonizaren, e con J.J. Abrams coma produtor, todo elo cun guión de J.D. Payne e Patrick McKay. Os anteriores contratos remataron coa produción da anterior película, a que foi a terceira da saga, polo que agora deberán tentar reunir a todo o reparto de novo.
Clarkson dirixiu o episódio piloto da série da Netflix Jessica Jones e mais a série policiaca Collateral, e no xénero fantástico conta coa experiéncia de Heroes e The Defenders.