A DC dá-lle outra volta á súa Metrópole

243

Mentres que na Syfy tiñan xa unha precuela de Superman (a série Krypton) os produtores doutra precuela, neste caso a de Batman (Gotham) estaban a traballar dende a canle Fox nunha precuela de seu do Home de Aceiro, a série Metropolis.

Nombergantes, a semana pasada anunciou-se que o proxecto, que orixinalmente ía ser un encargo de episódios directos para o novo servizo de streaming DC Universe, deberá agardar un pouco mais mentres os executivos se repensan o seu desenvolvemento definitivo.

Metropolis tería coma protagonista a Lois Lane e Lex Luthor mentres investigan o mundo da ciéncia mais especulativa e expoñen os segredos mais estraños e sinistros da cidade, xusto antes da chegada de Superman.

A Warner Bros. e a DC Entertainment van agora refacer o proxecto, a segunda vez que dan este paso atrás se temos en conta que a Fox xa o rexeitara previamente coma acompañamento á súa série Gotham, que se emite dende hai vários anos con éxito nesta mesma canle.

Despois do rexeitamento da Fox, Metropolis ía seguir os pasos doutra série baseada no universo da DC, Titans (actualmente en rodaxe) e aparecer no seu servizo de streaming. Pero agora os plans recúan e a rodaxe vai-se adiar un pouco mais, se cadra até finais desde ano, para poder estrear en 2019.

John Stephens e Danny Cannon fican de todos os xeitos vencellados á série coma produtores executivos. O servizo DC Universe ten previsto lanzar-se a finais de ano con dous programas con acción real: Titans e mais Swamp Thing, e ademais coas séries de debuxos animados Harley Quinn e Young Justice: Outsiders.