A DC leva á Patrulla Condenada á súa nova canle

259

Após do anúncio prévio doutras catro séries, o servizo dixital de streaming da DC, DC Universe, está xa a proxectar unha quinta proposta coa axuda do famoso produtor de televisión Greg Berlanti, unha série con acción real dunha hora de duración baseada nos persoaxes do cómic da DC e Vertigo Doom Patrol.

A Doom Patrol foi creada en 1963 polos guionistas Arnold Drake e Bob Haney e mais o debuxante Bruno Premiani e estaba composta por tres dos mais estraños superheroes da DC: Robotman, Negative Man, Elasti-Girl, todos eles liderados polo científico tolo Dr. Niles Caulder (tamén chamado simplemente “O Xefe”). Na tele aparecerá tamén Crazy Jane coma membro da equipa.

A característica de todos eles é que cadaún sofriu un horríbel accidente que lle forneceu con superpoderes, pero que ao mesmo tempo lles deixou cheos de cicatrices e desfigurados. Traumatizados e asoballados, xuntos atoparán un novo propósito na vida investigando os fenómenos mais raros que existen, e de paso salvando a Terra dos perigos que a axexan.

Os persoaxes farán primeiro unha pequena aparición no quinto episódio de Titans, o que será o programa estrela da nova canle que comezará a emitir a finais deste ano. A série da Doom Patrol estreará-se ao longo de 2019 cos mesmos actores: Bruno Bichir, April Bowlby, Jack Michaels e Dwain Murphy.

O encargo consta de trece episódios guionizados porlo produtor de Supernatural, Jeremy Carver, e contarán coa produción executiva de Berlanti, Geoff Johns, Jeremy Carver e mais Sarah Schechter. Este será o 14° programa actualmente en antena de Berlanti, o que supón un novo récord.