Adéus a Margot Kidder, a Lois Lane mais famosa

1077

Margot Kidder, a actriz mundialmente coñecida polo seu papel de Lois Lane nas catro entregas de Superman no cinema protagonizadas por Christopher Reeve, morreu o pasado domingo 13 de maio aos 69 anos de idade.

O anúncio foi realizado polo servizo funerário Franzen-Davis en Livingston, Montana, onde residía. Kidder, que era canadiana de nacemento, debutou coma protagonista no cinema en 1970 no filme de Gene Wilder Quackser Fortune Has a Cousin in the Bronx en 1970.

Kidder fora diagnosticada con desorde bipolar, o que foi a causa de moitos problemas de saúde que a levaron á primeira plana de médios sensacionalistas. Estivo ingresada en clínicas psiquiátricas, pero en 2007 revelou que levaba once anos sen episódios maníacos. Nos últimos anos destacou-se coma activista política de esquerdas, medioambiental e oposta á guerra. De feito, nacionalizou-se americana en 2005 para evitar ser deportada por se opoñer á guerra de Iraq.

Aínda que non acadou ningún grande éxito nos últimos trinta anos, iso non sinifica que estivera retirada. De feito, continuou traballando en pequenos filmes até 2017, e en 2015 mesmo gañou un prémio Emmy pola súa interpretación nun programa para nenos en R.L. Stine’s The Haunting Hour.

Ademais das catro participacións en Superman (1978, 1980, 1983 e 1987) no papel de Lois Lane, Kidder era recoñecida entre os fans polos seus papéis en filmes de terror coma Black Christmas (1975) pero acadou a fama en The Amityville Horror (1979). Tamén lle prestou a voz coma narradora dos debuxos animados de Wonderful Wizard of Oz dos anos 80. Na televisión apareceu en programas coma Tales from the Crypt, O Capitán Planeta (poñéndo-lle a voz a Gaia), Earth: Final Conflict e Smallville.