O Joker de Leto tamén terá secuela de seu

877

Primeiro foi Margot Robbie, quen acadou que o seu persoaxe Harley Quinn obtivera unha secuela de seu con Birds of Prey. E agora seica o Joker de Jared Leto no filme Suicide Squad vai ter tamén unha película que protagonizar sen molestos compañeiros bulindo ao seu redor.

Leto será o protagonista e produtor executivo dunha longametraxe que aínda non ten título pero que será producida pola Warner Brothers. Nestes intres están á procura dun guionista que se encargue de escribir o libreto, polo que non está claro se o proxecto sairá adiante. Nese caso, sería sempre despois da estrea de Suicide Squad 2, que comezará a se rodar o ano que ven.

Cómpre en rodo caso salientar a diferenza con outro proxecto semellante. Inda que as novas aínda son confusas neste intre, o último que se soubo é que os estudos estaban a desenvolver un proxecto que narrara as orixes do Joker baixo a dirección do realizador Todd Phillips (o responsábel da triloxía de The Hangover) e coa produción de Martin Scorsese, pero daquela a Warner quixo recalcar que aquel era un Joker distinto e que o de Leto tería se cadra unha oportunidade de seu, que podería ser esta.

No filme de Phillips, en princípio non encadrado no universo “oficial” da DC, Joaquin Phoenix será o Joker.