Os até agora showrunners de Star Trek: Discovery Aaron Harberts e Gretchen Berg abandoan a série. A parella fixéra-se cargo cando o primeiro responsábel, Bryan Fuller, deixara o seu posto. O produtor executivo Alex Kurtzman, que levaba xa moito tempo coma “guía espiritual” da franquía e mesmo coma director dalgúns dos seus filmes, tomará o relevo para a segunda tempada. Coma parte deste troco, Kurtzman ademáis será o supervisor dos guionistas.
Nun comunicado oficial, a canle CBS confirmou os devanditos cámbios: “Discovery continuará o seu rumbo en 2019 con novas e continuadas histórias construídas sobre a súa exitosa primeira tempada“, dixeron.
A decisión de deixar marchar a Berg e a Harberts non se baseou en critérios creativos senón de liderado e de tipo operativo. A produción dos primeiros cinco episódios de Discovery para a segunda tempada está preto do seu final, así que agora Kurtzman encargará-se a partir do episódio seis. Berg e Harberts, que eran colaboradores dende había moito tempo do showrunner orixinal Fuller, aparecerán nos títulos de crédito dos primeiros episódios da segunda tempada.
Segundo fontes internas, o orzamento para a nova tempada ameazaba con se disparar alén do aceptábel. Outros salientan asemade que Berg e Harberts estaban a se comportar dun xeito cada vez mais ditatorial coa equipa de produción, e mesmo que Harberts tivera sérias rifas cos guionistas e que lle berrara a ún dos membros da equipa. Moitos dos guionistas confesaron sentir-se pouco cómodos traballando na série e algúns ameazaran con presentar unha queixa ante recursos humáns ou abandoar a série antes de informar a Kurtzman dos problemas ao redor de Berg e Harberts. Após de escoitar os rumores de queixas, din que Harberts ameazou á equipa e lles recomendou manter os problemas dentro da casa.
En calquera caso, Discovery tiña previsto facer unha pausa na produción após dos primeiros cinco episódios, polo que haberá tempo de calmar os ánimos e de evitar que a produción sexa afectada polos trocos.
Outro que marcha é o produtor executivo Akiva Goldsman, quen non regresará despois de traballar coma man dereita de Kurtzman no seu primeiro ano. Goldsman fora contratado para axudar a construír o mundo de Discovery, pero o veterán produtor, que dirixiu o episódio final da primeira tempada, ten un estilo de dirección e unha persoalidade que chocaba decote coa equipa de guionistas. Polo de agora non se sabe se o seu nome aparecerá nos títulos de crédito da segunda tempada.
En outubro de 2016 a CBS pedíra-lle a Fuller que deixase o cargo de showrunner, despois de se decatar de que estaba a ocupar a metade do seu tempo coa súa adaptación á tele de American Gods na canle Starz. Discovery sofriu pola súa marcha e tivo que adiar a súa estrea dúas veces naquel ano.
Pero non todo son malas novas. A CBS Television Productions anunciou hai pouco un acordo mais amplo con Alex Kurtzman, que lle permitirá traballar de xeito continuado os vindeiros cinco anos e supervisar a expansión da franquía en novas séries, mini-séries e debuxos animados, para os que mesmo se fala do posíbel regreso de Patrick Stewart no seu papel de capitán Jean-Luc Picard.
Star Trek: Discovery ten previsto o seu regreso á tele en 2019, cando por fin entrará de cheo na liña temporal oficial da franquía, presentando a Anson Mount no papel do predecesor de James T. Kirk, o capitán Christopher Pike.