Keri Russell, con Abrams e Del Toro

204

A protagonista da recentemente finalizada série The Americans, Keri Russell, está a manter conversas para se unir ao reparto do filme de J.J. Abrams Star Wars: Episode IX na Disney Pictures e a Lucasfilm.

Abrams e mais os executivos da Lucasfilm mantiveron reunións con moitas actrices para un papel aínda non determinado ao longo dos últimos dous meses e seica finalmente decediron que Russell era a mais axeitada para o mesmo. Polo de agora non se sabe ren do devandito papel, pero seica conterá escenas de acción e de combate.

Para cando a produción do filme comece, Abrams ten previsto recrutar polo menos a un par de actores de renome mais. John Boyega, Oscar Isaac e mais Adam Driver regresarán para a terceira entrega da nova triloxía, un filme que conta cun guión escrito polo mesmo Abrams e mais por Lawrence Kasdan.

Por outra banda, Russell conta con outra oferta para comezar a rodar xa en setembro o filme de terror sobrenatural de Guillermo del Toro Antlers na Fox Searchlight. Nese papel, Russell sería unha profesora que lle presta interese a un misterioso estudante, quen seica ten un segredo do que depende a supervivéncia da vila. Nick Antosca e Henry Chaisson escribiron o guión, David Goyer e Miles Dale son os produtores e Scott Cooper será o director.