Steve Ditko, o artista que co-creou a Spiderman e mais o Doutor Strange xunto a Stan Lee e que era coñecido sobre todo polas súas peculiares ideias, morreu a finais de xuño aos 90 anos de idade na súa casa de New York, segundo informou a Policía. Ditko foi atopado morto no seu apartamento o 29 de xuño pero cóida-se que morreu dous días antes.
Nacido en 1927 en Pennsylvania, Ditko comezou a debuxar cómics nos anos 50 na pequena editorial Charlton Comics. Pero o seu chimpo á fama produciu-se cando cambiou de empresa e comezou a traballar para a Marvel. Uniu-se primeiro á Atlas Comics, o antigo nome da Marvel, en 1955, e alí encargou-se de títulos coma Amazing Adventures, Strange Worlds, Tales of Suspense e Tales to Astonish.
Pero as cousas cambiaron nos primeiros anos 60, cando a Atlas mudou o seu nome a Marvel. En 1961 Stan Lee e Jack Kirby acadaran un grande éxito cos Catro Fantásticos, cos que repopularizaron o xénero dos superheroes após de moitos anos perdendo interese entre os leitores. A este éxito lle seguiron outras colaboracións entre Lee e Kirby, até que en 1962 Lee recebiu o permiso dos xefes da editorial para crear o que describiu coma un “superheroe normal adolescente”.
Despois de rexeitar unha primeira versión xunto a Kirby, Lee preguntou-lle a Ditko, a quen só lle deu un concepto básico e mais o nome: Spiderman. A partir dalí, Ditko comezou a deseñar o que sería un dos uniformes mais populares de superheroe, o traxe vermello e azul xunto cos seus lanzadores de redes e outros elementos asociados.
Spiderman debutou no número 15 dunha série antolóxica titulada Amazing Fantasy, que chegou ás tendas no verán de 1962. Mália que o cómic foi cancelado, as vendas do seu número 15 foron tan altas que a compañía decediu dar-lle sete meses despois unha nova oportunidade ao persoaxe co seu própio cabezallo: The Amazing Spider-Man, que leva a ser publicado ininterrompidamente dende entón.
Ditko e Lee continuaron colaborando, creando persoaxes emblemáticos e viláns coma o Doutor Octopus (xullo 1963), Sandman (setembro 1963), o Lagarto (novembro 1963), Electro e mais o Trasno Verde (xullo 1964), ou falcatruáns de Hulk coma o Líder, ademáis doutros superheroes para a mesma editorial coma o Doutor Strange (1963). Neste periodo Ditko tivo a oportunidade de desenvolver o seu arte visual mais estraño, o que lle levou a ser un dos estandartes da nova contracultura dos anos 60.
Pero mália o seu éxito, Ditko e Lee non podían levar-se ben. Ditko considerou que estaba a ser afastado do primeiro plan e que non tiña creto e compensación abondo polo seu traballo. Todo elo xunto ás súas diferéncias políticas e mesmo persoais fixo que a parella chegara a se retirar o saúdo, até que en 1966 Ditko deixou a Marvel e regresou á Charlton, onde lle pagaban moito menos pero tiña mais liberdade. Alí creou a The Question e mais ao Captain Atom.
Durante estes anos Ditko comezou a manifestar as súas opinións políticas nos cómics. Afervoado defensor do obxectivismo, a seita política ultraconservadora creada pola rusa Ayn Rand, Ditko facía que os seus persoaxes expresaran as súas crenzas. Esta actitude políticamente dereitista, pouco habitual entre os artistas do cómic, non lle fixo gañar moitos amigos precisamente, pero si unha fama sinistra. O seu colega pero opoñente político Alan Moore inmortalizou a Ditko ao crear ao seu persoaxe Rorschach na minisérie da DC Watchmen (1987) baseado nel e nalgúns dos seus persoaxes.
Traballaría outra vez para a Marvel, para a DC e para outras editoriais menores, coma a Eclipse ou a Dark Horse, pero xa sen se achegar ao éxito que lle deu Spiderman. Os seus derradeiros anos pasou-nos case sempre en silenzo e afastado do grande éxito da Marvel a partir dos anos 2000, excepto para se queixar de que non lle estaban a pagar abondo polo seu copyright.
Ditko morreu por mor dun infarto, só e sen família, nunca casou nin tivo fillos, pero o seu nome ficará por sempre en todas as primeiras páxinas dos cómics de Spiderman: “Creado por Stan Lee e Steve Ditko“.