Os protagonistas do Derradeiro Home

145

O protagonista de Dunkirk e The Killing of a Sacred Deer Barry Keoghan e mais a actriz Diane Lane serán os protagonistas do reparto da série da canle FX Y, a longamente agardada adaptación da série de cómic Y: The Last Man creada por Brian K. Vaughan e Pia Guerra.

O cómic, composto por 60 números, vai sobre un xoven artista de fugas afeccionado chamado Yorick Brown e mais o seu mono Ampersand, os dous derradeiros homes na Terra, porque algo matou de xeito simultáneo a todos os mamíferos macho que tiveran un cromosoma Y, incluíndo embrións, óvos fertilizados e mesmo esperma.

A sociedade cae de súpeto no caos, as infraestruturas colapsan e as mulleres supervivintes tentan sobrelevar a perda dos seus homes. Yorick embárca-se nunha misión para atopar á súa moza Beth, que estaba de vacacións en Austrália. Os moitos intentos de converter esta ideia en película fracaron ao longo dos últimos anos, pero seica por fin os esforzos por leva-la á tele non caíron en saco roto.

Keoghan interpreta a Yorick, mentres que Lane será a súa nai, a senadora dos Estados Unidos Jennifer Brown. A série tamén conta con Imogen Poots (Fright Night) coma a dura técnica de emerxéncias médicas Hero Brown, Lashana Lynch (Captain Marvel) coma axente do servizo secreto 355, Juliana Canfield (Succession) no papel de Beth, e Marin Ireland (Sneaky Pete) coma Nora, unha axudante da Presidenta.

O produtor executivo de American Gods Michael Green e mais a produtora de Luke Cage Aïda Mashaka Croal serán os showrunners da nova série, que contará coma produtores executivos a Vaughan, Nina Jacobson e Brad Simpson. Melina Matsoukas (Master of None) dirixiu o episódio piloto.