Chalamet protagonizará o Dune de Villeneuve

237

O prometedor actor de 23 anos Timothee Chalamet (Interstellar, Call Me By Your Name) está nos derradeiros chanzos dunha negociación pola que se converterá en Paul Atreides, o protagonista de Dune, a que será a vindeira adaptación ao cinema en dúas entregas que a Legendary e mais o director Denis Villeneuve preparan da emblemática obra mestra da ciéncia-ficción orixinal de Frank Herbert.

A história, ambientada nun futuro moi afastado no que a galáxia está controlada por un emperador e unha série de famílias nobres, vai sobre Paul, cuxa família acepta o control do planeta desértico Arrakis. Ainda que semella un destino pouco apetecíbel, Arrakis é a única fonte da melange, a espécia que permite as viaxes polo espazo, polo que o control do planeta é moi desexado entre as famílias da nobreza.

Cando os Atreides sexan traizoados, a novela comeza a explorar temas de política, relixión e as relacións do home coa natureza, mentres que Paul lidera unha rebelión que tentará repór á súa família no control de Arrakis. A obra foi adaptada xa dúas veces, unha para o cinema dirixida por David Lynch en 1984 e protagonizada por Kyle MacLachlan, e outra vez na tele, nuha minisérie en 2000 na que Paul foi interpretado por Alec Newman.