Xa é oficial, o relanzamento da série dos anos 90 Buffy the Vampire Slayer xa conta coa luz verde e coa guionista e produtora de Agents Of S.H.I.E.L.D Monica Owusu-Breen coma encargada dos guións, produtora executiva e showrunner.
Joss Whedon, o máximo responsábel e showrunner da série de finais dos anos 90 e do filme de 1992 que a inspirou, regresará tamén pero só coma produtor executivo xunto aos produtores da série inicial Gail Berman, Fran Kazui e Kaz Kazui. Esta nova versión incluirá nombergantes un cámbio importante, xa que agora queren contar cunha actriz negra para o papel de Buffy.
A Fox 21 TV Studios desenvolverá o proxecto, que será ofrecido a diversas canles este verán. Polo de agora non hai un argumento oficial, pero seica o relanzamento será “contemporáneo, construído sobre a mitoloxía do orixinal“. Nun comunicado, os produtores dixeron: “Coma o noso mundo, será rico e diverso, e coma o orixinal, algúns aspectos da série serán metáforas de asuntos que nos afectan a todos diariamente“.
Sarah Michelle Gellar protagonizou a primeira série no papel dunha rapaza dun instituto que debía equilibrar unha vida normal co seu destino coma cazadora de vampiros e demos. A série tivo un notábel impacto cultural, dando lugar a continuacións, fandom, un universo expandido, musicais, e moitas outras cousas, e converteu á súa protagonista en estrela dun día para outro. En total foron 144 episódios ao longo de 7 tempadas, a derradeira das cales emitiu-se en 2003.