O Episódio IX comeza a filmar-se

574

A Walt Disney Pictures e mais a Lucasfilm anunciaron o reparto oficial para a vindeira entrega da saga da Guerra das Galáxias, Star Wars: Episode IX, que dirixirá J.J. Abrams.

Entre os membros do reparto que regresan están Daisy Ridley, Adam Driver, John Boyega, Oscar Isaac, Lupita Nyong’o, Domhnall Gleeson, Kelly Marie Tran, Joonas Suotamo e Billie Lourd. Os novos na franquía serán Naomi Ackie (Lady Macbeth), Keri Russell (The Americans) e mais o veterán Richard E. Grant (Hudson Hawk).

Os que volven dende a triloxía orixinal son Mark Hamill e Anthony Daniels, xunto con Billy Dee Williams coma Lando Calrissian, e Carrie Fisher coma a princesa Leia Organa. As escenas de Fisher incorporarán-se grazas a material que fora xa filmado en Star Wars: The Force Awakens, pero que non fora amosado nunca nas pantallas até agora.

O irmán de Carrie, Todd Fisher, e mais tamén Hamill, emitiron tamén senllos comunicados nos que dan a súa aprobación á que será a derradeira vez que vexamos á princesa Leia nas pantallas de cinema.

O director J.J. Abrams dixo no seu comunicado: “Amamos desesperadamente a Carrie Fisher. Atopar un remate realmente satisfatório á saga dos Skywalker sen ela era imposíbel. Nunca íamos a cambiar á actriz ou usar un persoaxe creado por computadora. Co apoio e a benzón da súa filla Billie, atopamos un xeito de honrar o legado de Carrie e o papel de Leia no Episódio IX usando escenas que rodáramos xuntos no Episódio VII“.

Star Wars: Episode IX comezou a se rodar nos estudos Pinewood de Londres o pasado 1 de agosto. Abrams co-escribiu o guión xunto a Chris Terrio. O compositor John Williams tamén está confirmado para a banda sonora, mentres que Kathleen Kennedy, J.J. Abrams e Michelle Rejwan serán os produtores.

A estrea do filme está prevista para decembro de 2019.