Patrick Stewart regresa coma Capitán Picard

Após de non poucos rumores, o anúncio fíxo-se oficial o pasado día 4, tal e coma chiamos no noso Twitter. Patrick Stewart repetirá o seu emblemático papel de capitán Jean-Luc Picard nunha nova série da franquía Star Trek para a canle CBS All Access.

O actor revelou as novas no decurso da convención de Star Trek en Las Vegas, para posteriormente emitir unha declaración oficial na que se especifica que o programa non será nin un relanzamento nin unha continuación directa de Star Trek: The Next Generation, senón unha secuela da devandita série que narrará o vindeiro episódio na vida de Picard.

O produtor executivo de Star Trek: Discovery, Alex Kurtzman, estará vencellado ao novo programa, e dixo que “será unha honra recebir a Sir Patrick Stewart de volta no escenário de Star Trek. Durante mais de vinte anos, os fans agardaron ao regreso do capitán Jean-Luc Picard e ese día por fin está aquí“.

Stewart interpretou o papel durante sete tempadas na tele, dende 1987 a 1994, e logo en catro filmes mais, que remataron en 2002 con Star Trek: Nemesis. O escritor Michael Chabon será parte deste novo proxecto, para o que tamén contan coa novelista Kirsten Beyer.

Polo de agora non hai guións pero os produtores aseguran que levan meses preparando argumentos. Tampouco se sabe cantos episódios terá esta nova série, nin se se chegará a un acordo de distribución coa Netflix semellante ao que existe con Star Trek: Discovery, o que aforraría boa parte dos custes.