Pine e Hemsworth abandoan Star Trek

923

A saga trekkie mais denostada polos fans, a do universo Kelvin, seica ven de recebir un golpe de morte, porque tanto Chris Pine coma Chris Hemsworth anunciaron que abandoan a série e que non formarán parte do reparto da anunciada cuarta entrega no cinema, despois de que fracasaran as negociacións polos seus salários.

Pine ía repetir o seu papel coma capitán James T. Kirk, mentres que Hemsworth faría o papel de seu pai.

O reparto orixinal asinou só por tres filmes, e chegaron ao acordo de que se os estudos querían continuar coa saga, deberían renegociar os contratos. Pero após do relativo fracaso da terceira parte, Star Trek Beyond en 2016, que só fixo 343 millóns de dólares en todo o mundo cun orzamento de 185 millóns, os estudos queren recurtar custes para a seguinte película. A franquía, consideran, non é Marvel nin Star Wars, o seu fogar natural é a televisión, e fóra dos Estados Unidos non é moi aprezada.

Antes da era de J.J. Abrams, os filmes de Star Trek nunca se distinguiron por teren grandes orzamentos, pero a partir de 2009, os prezos dispararon-se. E aínda que os benefícios tamén subiron moito, seica non son abondo para se arriscar a lle subir os soldos aos actores, sobre todo cando outros filmes chegan aos 700 ou 1.000 millóns de recadación con moita mais facilidade.

Agárda-se que os outros membros do reparto, Zoe Saldana, Zachary Quinto, Karl Urban, Simon Pegg e John Cho, pechen os seus respectivos acordos sen tanto rebúmbio, pero de todos os xeitos, a saída do principal protagonista pon as cousas no aire. O papel de Hemsworth podería recaír noutro actor, pero Pine era esencial nos plans da actual saga.

S.J. Clarkson continúa vencellado á dirección, pero o filme non ten polo de agora data de comezo da produción nin de estrea. O universo Kelvin do cinema semella pasar por un mal momento mentres que na tele a saga rexurde con forza.