O peluxento actor californián Tyler Hoechlin repetirá o seu papel de Clark Kent/Superman mentres os produtores buscan a unha actriz que interprete a Lois Lane no vindeiro crossover anual da DC na televisión (o coñecido coma “Arrowverse”) que se emitirá neste mes de decembro.
Hoechlin fixera a súa primeira aparición coma Clark Kent na segunda tempada de Supergirl ao longo de catro episódios. O seu papel foi o ano pasado cuestionado polos fans, quen criticaron a súa falla de músculos pero sobre todo, a súa faciana sen afeitar. En todo caso, volverá vestir a capa vermella neste evento especial que durará tres episódios, comezando o 9 de decembro con The Flash, o día 10 en Arrow e finalmente o 11 na série Supergirl.
Esta será a primeira vez que apareza Lois Lane nunha das actuais sete séries de televisión que a DC ten en antena nestes intres, case todas na canle The CW. A actriz elixida aparecerá en todo caso canda Ruby Rose, quen fará o seu debut coma Batwoman nos devanditos tres episódios.