Alan Wake achéga-se á tele

83

O produtor de Legion e Cloak and Dagger Peter Calloway será o novo showrunner e guionista dunha nova série de televisión con acción real baseada no clásico videoxogo de culto de 2010 Alan Wake, e que contará coa produción da Contradiction Films e a Remedy Entertainment. Ademais, o creador do xogo Sam Lake será o produtor executivo.

O plan é vender a ideia da série para o mes de outubro, para o cal Calloway conta con dispoñer de bocetos de guións. Seica xa ergueu o interese de diversos estudos.

O videoxogo está estruturado en capítulos e narra a história dun escritor supervendas chamado Alan Wake (a quen lle pon a voz Matthew Porretta) nunha viaxe que fai a unha pequena vila no Estado de Washington, onde pretende ceibar-se dun prolongado bloqueo de escritor.

A partir de aí comeza unha experiéncia surrealista e lovecraftián na que semella traer á vida o argumento da súa própia novela (que non lembra escribir) nunha vila na que a luz é un arma. O xogo orixinal vendeu 4,5 millóns de cópias e ergueu esperanzas dunha secuela, que nunca chegou a se completar.

Tomas Harlan, falando pola Contradiction Films, dixo: “Alan Wake era básicamente unha série de televisión covnertida nun videoxogo. Esa foi a visión de Sam. Contou coas influéncias de The Twilight Zone, Secret Window, Hitchcock, Northern Exposure… moita televisión americana. Nós planeamos traballar conxuntamente con Sam no noso show. Sam é unha parte enorme disto. Isto é o seu bebé“.

A série usará o xogo orixinal coma punto de partida para narrar unha história moito maior que expandirá a súa narrativa e profundizará en certas fasquías nas que o xogo non entrou, incluíndo algunhas das ideias que estaban planeadas para a súa secuela.