A actriz Brec Bassinger (School of Rock) ven de se facer co papel protagonista na vindeira série de televisión Stargirl que se emitirá no novo servizo de streaming da DC.
Na série, Bassinger interpretará a Courtney Whitmore, unha adolescente intelixente, atlética e bondadosa que se muda dende Los Angeles a Blue Valley, Nebraska. Loitando por se adaptar á nova escola, facer novos amigos e tratar cunha nova família de acollida, descobrirá que o seu pai adoptivo ten un segredo: foi o axudante dun antigo superheroe.
Courtney “toma prestado” o bastón perdido do superheroe e convértese-se case sen querer na inspiración dunha nova xeración de superheroes. Geoff Johns escribirá e producirá a série, que contará con Greg Berlanti coma produtor executivo.
Nun comunicado, Johns dixo: “Non hai outro persoaxe mais especial nos cómics para min que Stargirl, e despois de buscar durante moito tempo, non hai outra actriz no planeta que a personifique millor ca Brec Bassinger. A calidez, a forza, o humor e mais a enerxía positiva de Brec son esenciais para quen é Courtney Whitmore. Estou-lle moi agradecido de que aceptara facer o papel“.
Britt Irvin e Sarah Grey interpretaron previamente ao persoaxe en episódios de Smallville e DC’s Legends of Tomorrow respectivamente. Stargirl unirá-se asemade a outros superheroes que terán séries na canle da DC: os Titáns, a Doom Patrol e mais a Cousa do Pantano.