A série de Picard terá continuidade

876

Após da presentación da segunda tempada de Star Trek: Discovery celebrada no decurso da New York Comic Con a pasada fin de semana, os produtores Alex Kurtzman e Heather Kadin responderon algunhas preguntas sobre a nova série da saga de Star Trek na que traballan xa na canle de streaming CBS All Access.

En agosto, Kurtzman e mais Sir Patrick Stewart abraiaron aos fans de todo o mundo co anúncio de que Stewart regresaría ao seu papel mais emblemático, o do capitán Jean-Luc Picard de Star Trek: The Next Generation nunha nova série que continuaría a história do persoaxe. Daquela non houbo moita mais información, pero semellaba que a série sería limitada, cuns poucos capítulos e sen continuacións.

Agora sabemos que non será así: segundo Kurtzman, a equipa de guionistas leva traballando catro semanas a tope e o comezo da produción está previsto para abril do ano que ven, o que suxire que a estrea nas nosas pantallas podería ser a finais de 2019 ou comezo de 2020. Todo iso sería antes da estrea da terceira tempada de Star Trek: Discovery, que se todo vai ben, será a mediados de 2020.

Kadin pola súa banda confirmou que o plan é que a série de Picard continúe no tempo durante “moitas tempadas“. Kurtzman aclarou que as séries de Picard e da Discovery terán cadanseu camiño e que non hai plans para un crossover.

Kadin engadiu que mesmo ainda que houbera mais séries de Star Trek, os plans son que estas dúas non se crucen no tempo de emisión e que de feito haxa descansos entre elas para que os fans poidan emocionar-se coa expectación.